Buscar
Buscar

Blog/Noticias

06/06/2026

O Colexio de Enfermaría renova o convenio co Club Fluvial de Lugo para a participación nos Campamentos de Verán desta entidade. Este convenio inclúe a realización dunha charla semanal impartida por profesionais de Enfermaría relacionada con hábitos saudables, no marco de fomentar estilos de vida saudables nas nosas crianzas.

As inscripcións realizaranse nas oficinas do Club Fluvial, situadas en Rúa Fermín Rivera s/n (27004 LUGO); abertas en horario de mañá e tarde; información no teléfono 982 22 11 67. Imprescindible mostar Carnet de Colexiada/o.

CONVENIO

  • DESTINATARIOS: fillas/os de colexiadas/os, en caso de non ter fillas/os poderanse inscribir sobriñas/os da persoa colexiada.
  • IDADES: comprendidas entre 5 e 14 anos.

Precios por semana de campamento:

  • Colexiadas/os non socios do Club Fluvial: 63€
  • Colexiadas/os socios do Club Fluvial: 50€

Descontos acumulables por irmáns e semanas consecutivas (a consultar no folleto adxunto).

Descontos aplicado nas oficinas do Club previa identificación co carnet de colexiada/o.

Ver FOLLETO

Ver FOLLA DE INSCRICIÓN

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
23/05/2026

Os pseudónimos da/os gañadora/es do “Premios Muralla de Lugo 2026”, cuxo obxectivo é fomentar a investigación e a participación dos colexiados en actividades científicas relacionadas coa profesión enfermeira, son:

  • Pseudónimo “SGR”
  • Pseudónimo “ANONIMALUGO2026”
  • Pseudónimo “XOANIÑA”
  • Pseudónimo “RAIZ”

O premio entregarase na “Festa de Enfermería: Homenaxe á excelencia profesional” o próximo 29 de maio, é imprescindible a asistencia dalgún autor/a de os traballos premiados para recibir o premio.

“Estes Premios están subvencionados polo Consello Xeral de Enfermería dentro do programa de promoción da investigación enfermeira”

Ao aceptar o premio os gañadores declaran cumprir ao bases publicadas na páxina web do Colexio de Lugo, en caso contrario, deberán devolver o premio outorgado.

A cea terá lugar o 29 de maio no restaurante A Fortaleza, en Lugo, a partir das 20:30 horas.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
21/05/2026
Comunicado dos catro Colexio Oficiais de Enfermaría de Galicia
O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo e os Colexios de Enfermaría de Galicia queremos expresar o noso rexeitamento absoluto ás declaracións realizadas desde o Colexio de Médicos de Pontevedra, nas que se compara a enfermaría con bulos de internet, intelixencia artificial ou unha simple opinión.
Estas manifestacións son inadmisibles e unha falta de respecto inaceptable cara a todos os profesionais da enfermaría.
A enfermaría non é unha opinión, non é un bulo nin pode compararse con contidos carentes de rigor. A enfermaría é unha profesión sanitaria, universitaria, científica, regulada e colexiada, con competencias propias e con responsabilidade na atención á saúde da cidadanía.
O respecto non é só un valor ético, senón tamén unha ferramenta clínica. O respecto entre profesións permite construír equipos sólidos, seguros e eficaces. Por iso, a colaboración interdisciplinaria entre profesionais é un piar fundamental para garantir a seguridade das persoas, a continuidade asistencial e a calidade dos coidados.
A enfermaría non opina, fai o seu traballo, con coñecemento, responsabilidade, evidencia científica, compromiso ético e humanidade. Faino no ámbito asistencial, domiciliario, docente, de investigación, de xestión, de prevención e de promoción da saúde.
A enfermaría é un piar fundamental e insubstituíble do sistema sanitario, ao igual que outras profesións. Garantimos a continuidade da atención, a seguridade das persoas atendidas e a promoción da saúde na comunidade.
Por todo iso, os Colexios Oficiais de Enfermaría de Galicia unímonos para manifestar publicamente o noso rexeitamento ante calquera declaración que menosprece, deslexitime ou cuestione a dignidade profesional das enfermeiras e enfermeiros. Defender a enfermaría é defender a calidade asistencial, a seguridade clínica, o traballo en equipo e o dereito da cidadanía a recibir coidados profesionais, seguros e baseados na evidencia.
Desde o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo queremos expresar o noso apoio a todas as colexiadas e colexiados que, co seu traballo diario, representan o valor, a competencia e a dignidade da nosa profesión.
Reivindicamos unha relación entre profesións sanitarias baseada no respecto mutuo, a lealdade institucional, a colaboración e o recoñecemento das competencias de cada disciplina. Só desde o respecto e a cooperación pode garantirse unha atención sanitaria segura, humana e de calidade.
  • Esiximos respecto para a enfermaría.
  • Esiximos respecto para as nosas competencias profesionais.
  • Esiximos respecto para cada enfermeira e enfermeiro que, con rigor, compromiso e humanidade, fai posible unha atención sanitaria de calidade.
Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
17/05/2026

Feliz Día das Letras Galegas 2026. Viva Begoña Caamaño, viva o galego e viva a enfermaría que coida tamén coas palabras.

Cada 17 de maio, Galicia celebra o Día das Letras Galegas, unha data que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 co propósito de homenaxear a aquelas figuras que destacaron pola súa creación literaria en lingua galega ou pola súa defensa firme do idioma, recoñecendo así a forza dunha lingua para unir un pobo baixo unha mesma identidade. Dende o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo queremos sumarnos a esta celebración.

A homenaxeada deste ano 2026 é Begoña Caamaño, nada en Vigo o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014. Escritora e xornalista deixounos dúas novelas que se converteron en referencia da narrativa galega contemporánea, nas que reescribiu con voz propia o mito da Odisea e a lenda do rei Artur, devolvéndolles aos relatos clásicos a presenza e a voz das mulleres que a tradición tantas veces silenciou. A súa obra é un exemplo de como a literatura pode ser, ao mesmo tempo, espello e fiestra: espello no que recoñecernos como pobo e fiestra aberta ao universal dende o noso idioma.

Begoña Caamaño foi tamén unha xornalista comprometida, traballadora incansable da palabra rigorosa e do servizo público. A propia Real Academia Galega lembra que a súa figura emerxe nun momento no que urxe “reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego”.

Dende o Colexio de Enfermaría de Lugo reivindicamos, neste Día das Letras Galegas, o dereito dos profesionais a exercer en galego e o dereito da cidadanía a ser atendida na súa lingua. Animamos ás enfermeiras e enfermeiros  a ler a Begoña Caamaño, a descubrir esa prosa precisa e poderosa, e a seguir o seu exemplo de coherencia entre o que se escribe, o que se di e o que se fai. Que a súa memoria nos inspire para seguir tecendo, día a día, unha enfermaría máis humana, máis culta e máis nosa.

 

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
16/05/2026
O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo reafirma o seu compromiso coa defensa da profesión enfermeira, coa seguridade dos pacientes e coa promoción dunha sanidade pública sustentada no coñecemento científico, na cooperación profesional e nos coidados de calidade. Ningunha declaración desafortunada nos vai apartar do esencial: as persoas, os seus coidados e a súa saúde.
Somos enfermaría. Somos ciencia. Somos coidado. E somos, sempre, unha fonte fiable de información.
Dende o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo sumámonos ao rexeitamento unánime expresado polos colexios e colectivos enfermeiros de Galicia e de todo o Estado fronte ás declaracións inadmisibles emitidas dende o Colexio de Médicos de Pontevedra. Trátase de manifestacións que faltan ao respecto a centos de miles de profesionais, e falta de rigor, que poñen en risco un dos alicerces do sistema sanitario: a confianza da cidadanía nos equipos que a coidan.

Comparar ás enfermeiras e enfermeiros con bulos ou coa intelixencia artificial é, sinxelamente, inaceptable.

Debemos lembrar, para non caer na ignorancia que a enfermaría é unha profesión universitaria, científica e regulada, cunha formación de Grao, máster, doutoramento e especialidades oficiais. Producimos coñecemento propio, publicamos en revistas científicas, lideramos investigación e somos peza clave para a seguridade do paciente, tal e como avala a literatura científica internacional. Non somos unha fonte de rumores: somos unha fonte fiable de información, baseada na evidencia.

En sanidade, o respecto entre profesións non é só un valor ético, senón tamén unha ferramenta clínica. Os equipos que traballan dende a horizontalidade e que validan a voz de cada profesional multiplican a seguridade do paciente e melloran os resultados en saúde. Estos discursos, anacrónicos, xerárquicos ou descualificadores, so debilitan o traballo en equipo e prexudican ás persoas ás que atendemos.

Por iso, dende o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo reafirmamos o noso compromiso coa cidadanía: seguiremos traballando, coidando e asesorando ás persoas de Lugo e de Galicia con rigor e profesionalidade, como facemos cada día nos hospitais, centros de saúde, residencias, domicilios, escolas e empresas da nosa provincia.

 

 

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo