
Feliz Día das Letras Galegas 2026. Viva Begoña Caamaño, viva o galego e viva a enfermaría que coida tamén coas palabras.
Cada 17 de maio, Galicia celebra o Día das Letras Galegas, unha data que a Real Academia Galega instaurou no ano 1963 co propósito de homenaxear a aquelas figuras que destacaron pola súa creación literaria en lingua galega ou pola súa defensa firme do idioma, recoñecendo así a forza dunha lingua para unir un pobo baixo unha mesma identidade. Dende o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo queremos sumarnos a esta celebración.
A homenaxeada deste ano 2026 é Begoña Caamaño, nada en Vigo o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014. Escritora e xornalista deixounos dúas novelas que se converteron en referencia da narrativa galega contemporánea, nas que reescribiu con voz propia o mito da Odisea e a lenda do rei Artur, devolvéndolles aos relatos clásicos a presenza e a voz das mulleres que a tradición tantas veces silenciou. A súa obra é un exemplo de como a literatura pode ser, ao mesmo tempo, espello e fiestra: espello no que recoñecernos como pobo e fiestra aberta ao universal dende o noso idioma.
Begoña Caamaño foi tamén unha xornalista comprometida, traballadora incansable da palabra rigorosa e do servizo público. A propia Real Academia Galega lembra que a súa figura emerxe nun momento no que urxe “reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego”.
Dende o Colexio de Enfermaría de Lugo reivindicamos, neste Día das Letras Galegas, o dereito dos profesionais a exercer en galego e o dereito da cidadanía a ser atendida na súa lingua. Animamos ás enfermeiras e enfermeiros a ler a Begoña Caamaño, a descubrir esa prosa precisa e poderosa, e a seguir o seu exemplo de coherencia entre o que se escribe, o que se di e o que se fai. Que a súa memoria nos inspire para seguir tecendo, día a día, unha enfermaría máis humana, máis culta e máis nosa.