Buscar
Buscar

Unidade dos Colexios de Enfermaría de Galicia ante as declaracións inadmisibles contra a profesión

21/05/2026
Comunicado dos catro Colexio Oficiais de Enfermaría de Galicia
O Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo e os Colexios de Enfermaría de Galicia queremos expresar o noso rexeitamento absoluto ás declaracións realizadas desde o Colexio de Médicos de Pontevedra, nas que se compara a enfermaría con bulos de internet, intelixencia artificial ou unha simple opinión.
Estas manifestacións son inadmisibles e unha falta de respecto inaceptable cara a todos os profesionais da enfermaría.
A enfermaría non é unha opinión, non é un bulo nin pode compararse con contidos carentes de rigor. A enfermaría é unha profesión sanitaria, universitaria, científica, regulada e colexiada, con competencias propias e con responsabilidade na atención á saúde da cidadanía.
O respecto non é só un valor ético, senón tamén unha ferramenta clínica. O respecto entre profesións permite construír equipos sólidos, seguros e eficaces. Por iso, a colaboración interdisciplinaria entre profesionais é un piar fundamental para garantir a seguridade das persoas, a continuidade asistencial e a calidade dos coidados.
A enfermaría non opina, fai o seu traballo, con coñecemento, responsabilidade, evidencia científica, compromiso ético e humanidade. Faino no ámbito asistencial, domiciliario, docente, de investigación, de xestión, de prevención e de promoción da saúde.
A enfermaría é un piar fundamental e insubstituíble do sistema sanitario, ao igual que outras profesións. Garantimos a continuidade da atención, a seguridade das persoas atendidas e a promoción da saúde na comunidade.
Por todo iso, os Colexios Oficiais de Enfermaría de Galicia unímonos para manifestar publicamente o noso rexeitamento ante calquera declaración que menosprece, deslexitime ou cuestione a dignidade profesional das enfermeiras e enfermeiros. Defender a enfermaría é defender a calidade asistencial, a seguridade clínica, o traballo en equipo e o dereito da cidadanía a recibir coidados profesionais, seguros e baseados na evidencia.
Desde o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo queremos expresar o noso apoio a todas as colexiadas e colexiados que, co seu traballo diario, representan o valor, a competencia e a dignidade da nosa profesión.
Reivindicamos unha relación entre profesións sanitarias baseada no respecto mutuo, a lealdade institucional, a colaboración e o recoñecemento das competencias de cada disciplina. Só desde o respecto e a cooperación pode garantirse unha atención sanitaria segura, humana e de calidade.
  • Esiximos respecto para a enfermaría.
  • Esiximos respecto para as nosas competencias profesionais.
  • Esiximos respecto para cada enfermeira e enfermeiro que, con rigor, compromiso e humanidade, fai posible unha atención sanitaria de calidade.
Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo