Buscar
Buscar

Autor: Noticias Enfermería Lugo

15/08/2025

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca o procedemento ORDINARIO de acceso aos graos I a IV da carreira profesional correspondente ao ano 2025.  DOG nº 152

REQUISITOS

  • Reunir os requisitos do ámbito de aplicación (punto 4 do acordo das bases da carreira profesional 2018)
  • Estar en situación de activo ou ter unha reserva de praza calquera día entre o 01-08 ao 30-09-2025
  • Cumprir n o período de permanencia na data da presentación da solicitude.
  • Presentar a solicitude a través de FIDES (sistema carga automáticamente os datos), asinando co certificado dixital (comproba que a solicitude figure VALIDADA) TITORIAL

Prazo presentación da solicitude: ata 30 de setembro de 2025

PERÍODO DE PERMANENCIA

  • GRAO I: acceder tras 5 anos de permanencia no grao inicial (máis unha avaliación positiva)
  • GRAO II: acceder tras 6 anos de permanencia no grao I (máis unha avaliación positiva)
  • GRAO III: acceder tras 6 anos de permanencia no grao II (máis unha avaliación positiva)
  • GRAO IV: acceder tras 7 anos de permanencia no grao III (máis unha avaliación positiva)

Valoraranse exclusivamente os méritos conseguidos durante o período en que o profesional permaneceu encadrado no grao inmediatamente inferior e conseguidos ata o último día do prazo de solicitude (30 de setembro de 2025)

En caso de cumprir os requisitos e non ter acceso: notificar a incidencia ao correo carreiraprofesional.lugo@sergas.es

BAREMO

Nesta convocatoria aplícase o baremo de carreira profesional correspondente ás Áreas III e IV, aprobado por Orde do 21 de xullo de 2021, e o baremo de carreira profesional correspondente á Área I que foi aprobada por Orde do 1 de marzo de 2022

Valoraranse con 1 punto dentro da área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización):

  • A formalización de todos os cuestionarios de avaliación de competencias personais que lle sexan requeridos
  • A realización dos cursos: “A COMUNICACIÓN COAS PERSOAS XORDAS NA CONSULTA” (código 2518370  Enlace), “SOSTENIBILIDADE NO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE” (código 2518710  Enlace)

ACCESO AO GRAO INICIAL

SOLICITUDE: aberta e permanente, con efectos do día da presentación.
ACCESO AO PERSOAL RESIDENTE EN FORMACIÓN NOS ÚLTIMOS ANOS: Resolución do 3 de agosto de 2023 (DOG nº 155, do 17 de agosto) Acordo 6.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
10/08/2025

Eva Gómez, presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, e os presidentes dos colexios sanitarios da provincia participaron no programa Hora 14 Lugo da Cadena SER para expresar a súa preocupación polo futuro da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo. A inquietude xorde tras a firma do “Protocolo para o desenvolvemento dun plan de mellora da ensinanza universitaria de enfermaría” por parte da Xunta de Galicia, a ACSUG e as tres universidades galegas.

Eva Gómez alertou sobre o risco de que a Escola perda a súa autonomía e se converta nunha sección dependente da Facultade de Enfermaría de Santiago, o que, segundo ela, afectaría negativamente ao papel do campus de Lugo e á formación adaptada ás necesidades da provincia.

Os presidentes dos colexios sanitarios (Médicos, Veterinarios, Odontólogos, Farmacéuticos e Enfermaría) coincidiron na importancia de preservar a independencia do centro, que leva máis de 50 anos formando profesionais en Lugo. A defensa da Escola convértese así nunha prioridade para a comunidade sanitaria e académica da provincia.

👀🔗https://www.instagram.com/stories/colexiooficialenfermeria_lugo/3695548092128808689?utm_source=ig_story_item_share&igsh=MTZrbXcxYmt6M2Q4YQ==

👂🏻📻Minuto 8’45” do programa
https://23573.mc.tritondigital.com/SER_RADIO_LUGO_HORA_14/media-session/3460a266-8bc4-4cf6-889c-638605fc35d2/2025/8/8/cadenaser_lugo_hora14lugo_20250808_141500_143000.mp3?dist=cadenaser-web-tfp-permanente&csegid=22000&dl=1

A intervención dos presidentes dos colexios sanitarios reflicte a crecente preocupación da comunidade sanitaria e académica de Lugo ante os posibles efectos do protocolo. Mentres o Concello de Lugo xa aprobou en pleno unha iniciativa para reclamar a autonomía da Escola e mesmo propuxo a súa conversión en facultade propia, os colexios profesionais, Claustro de profesores e sindicatos continúan alzando a voz para evitar que o centro perda o seu peso e influencia no desenvolvemento sanitario da provincia.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
07/08/2025

Os cinco colexios sanitarios de Lugo mobilízanse para defender a autonomía da súa Escola de Enfermaría fronte á reestruturación académica e reclamar unha Facultade de Ciencias da Enfermaría.

Os colexios profesionais de Enfermaría, Medicina, Veterinaria, Farmacia e Odontoloxía da provincia de Lugo uniron forzas para defender a autonomía da Escola Universitaria de Enfermaría do campus lucense. Este centro, que foi un referente na formación de profesionais sanitarios durante máis de 50 anos, pode ver comprometida a súa independencia tras unha recente reestruturación que contempla a súa conversión nunha sección dependente da facultade de Santiago.

Eva Gómez, presidenta do Colexio de Enfermaría, alertou do risco que esta medida supón para a autonomía do centro, subliñando que a súa desaparición ou degradación sería «unha perda irreparable para a nosa provincia, tanto en termos formativos como sociais e asistenciais». Esta postura foi respaldada polos presidentes dos outros colexios sanitarios de Lugo: Eduardo Iglesias (Medicina), José Luis Benedito (Veterinaria), Alejandro Sánchez Pérez Mel (Farmacia) e María Núñez (Odontoloxía).

Os representantes dos cinco colexios profesionais coinciden en que a Escola de Enfermaría non só desempeña unha función académica esencial, senón que tamén é «un piar estratéxico para a formación de profesionais sanitarios altamente cualificados na nosa provincia». Ademais, recalcan que o seu papel é fundamental para garantir unha atención sanitaria de calidade e para fomentar o compromiso coa saúde pública en Lugo.

Un chamamento a preservar a autonomía
Os profesionais sosteñen que Lugo debe seguir contando cun centro propio, con plena capacidade académica e autonomía para adaptarse ás necesidades actuais e futuras do sistema sanitario galego. Insisten en que unha formación universitaria sólida, próxima e comprometida é clave para garantir unha atención sanitaria de calidade para todos os lucenses.

Por iso, fan un chamamento conxunto para que as autoridades reconsideren a reorganización proposta e permitan que a Escola de Enfermaría de Lugo se consolide como unha Facultade de Ciencias da Enfermaría, asegurando así a súa independencia e a súa capacidade para seguir formando aos profesionais que a provincia necesita.

Éxito académico e demanda en aumento
Os datos de matrícula para o próximo curso 2025-26 avalan a necesidade de manter a independencia da Escola de Enfermaría. Segundo as cifras ofrecidas pola CIUG, este grao foi un dos primeiros en completar todas as súas prazas, pechando inscricións no primeiro prazo. Para os colexios sanitarios, estas estatísticas ratifican «o gran nivel de esixencia e a alta demanda» que caracteriza esta titulación.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
04/08/2025

O pleno do Concello de Lugo acordou solicitar que a Escola Universitaria de Enfermaría (E.U.E) do campus lucense manteña a súa autonomía e continúe como centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC), rexeitando a súa conversión nunha sección dependente da facultade compostelá. Ademais, o pleno plantexou que o centro se converta nunha facultade propia.

O Grupo Municipal do PSOE presentou unha iniciativa en defensa da independencia da E.U.E, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE e do BNG, mentres que o PP optou por absterse. A proposta socialista reclama á Xunta de Galicia e á USC que garantan a autonomía do centro, alertando sobre os riscos do protocolo asinado en abril entre Educación, Sanidade e as tres universidades públicas galegas, que podería converter a escola lucense nunha sección dependente de Santiago.

Un consenso pola autonomía e o futuro do centro
Durante o debate, os grupos municipais do PSOE, BNG e PP coincidiron na importancia da Escola de Enfermaría para o campus e a cidade de Lugo, subliñando a necesidade de manter o seu estatus actual como mínimo e avanzar cara á súa consolidación como facultade propia. Porén, o PP presentou unha emenda que propoñía apoiar o protocolo asinado en abril, sempre que se asegurase a autonomía do centro e se garantise a continuidade da súa plantilla docente e de xestión. Esta emenda foi rexeitada polo goberno municipal, que considera que o protocolo pon en risco a independencia da escola.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou a relevancia da E.U.E para Lugo e a súa provincia, afirmando que “convertela nunha sección da Facultade de Enfermaría de Santiago debilitaría o noso campus e poría en risco o futuro desta escola. Ademais, suporía perda de peso para Lugo e afastaría a formación da realidade sanitaria e tamén social, non só da cidade, senón de toda a provincia”. Fernández tamén criticou a falta de resposta das consellerías de Sanidade e Educación ante as demandas do Concello, aínda que recoñeceu avances nas conversacións co reitor da USC.

Apoio dos colectivos sanitarios e académicos
O pleno contou coa presenza de representantes dos Colexios Profesionais Sanitarios de Lugo (Enfermaría, Médicos, Veterinarios, Odontólogos e Farmacéuticos), da Academia de Enfermaría de Galicia, representantes dos sindicatos SATSE, CIGA e CSIF, profesores da Escola Universitaria de Enfermaría, entre eles a secretaria da EUE, Mª José Ferreira, Mario Rivas, Candela Fraga, Carlos Juanatey, Lourdes Bemello, José Luis Díaz (exdirector e profesor xubilado), Isidoro Rodríguez (Presidente da Acedmia de Enfermaría) e membros da sociedades civil.

A titular da Concellería de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, foi a encargada de presentar e defender a proposición do PSOE para o mantemento do estatus actual da Escola de Enfermaría de Lugo. López Racamonde destacou os 50 anos que leva implantada na cidade, subliñando que actualmente é propiedade do SERGAS e está adscrita á USC no plano docente, gozando os estudantes das mesmas condicións que os da universidade pública.

Un futuro incerto para a Escola de Enfermaría
Con este acordo, o Concello de Lugo busca garantir a independencia da Escola de Enfermaría e evitar que se converta nunha sección da facultade compostelá, o que podería debilitar o campus lucense e afectar negativamente á formación sanitaria na provincia. Ademais, o pleno municipal comprométese a seguir impulsando o fortalecemento do campus universitario de Lugo e traballar para que a cidade conte cunha facultade propia de Enfermaría.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo
18/07/2025

O pasado mes de abril  asinouse o “protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia, o Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), as Universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e a de Vigo, para ou desenvolvemento dun plan de mellora do ensino universitario de enfermaría” que afrontará a posta en marcha de medidas destinadas a integrar as Escolas Universitarias de Enfermería dunha maneira plena dentro da universidade, xa que actualmente son centros adscritos ás universidades de Galicia cuxa titularidade pertence á Consellería de Sanidade.

Dende a Xunta de Goberno queremos transmitirvos a nosa preocupación por como se vai a levar a cabo esta integración, o protocolo asinado polas tres universidades galegas non garante a continuidade das escolas universitarias de enfermería de Galicia, xa que a reestruturación docente que expoñen é a dunha única facultade por universidade sen especificar como van pasar a formar parte as Escolas Universitarias.

No caso de Lugo a Universidade de Santiago xa ten unha Facultade de Enfermería en Santiago de Compostela, ¿como se vai a integrar entón a Escola Universitaria de Enfermería de Lugo?, se na reestruturación a Escola Universitaria de Enfermería de Lugo (EUE Lugo) se integrase como unha “sección” (parece que é o plan previsto), perdería toda a súa autonomía actual pasando a depender totalmente da Facultade de Santiago, o que lle outorga o poder de pechala se así o considera oportuno. Unha sección é efémera e non posúe identidade, nin capacidade xestora.

En ningún momento se consultou, por parte da correspondentes consellerías ou do reitorado, aos actores directamente implicados EUE Lugo, nin tampouco as institución indirectas Academia de Enfermaría de Galicia ou Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo.

A Escola Universitaria de Enfermería ten unha traxectoria de máis de cincuenta anos (implantada en Lugo no ano 1972), na que se consolidou como centro garante de calidade na formación enfermeira.

O Colexio de Enfermería de Lugo defende unha integración da EUE Lugo na USC como centro propio e autónomo, como Facultade Ciencias da Enfermaría.

Reclamamos un futuro da Escola Universitaria de Enfermería no que manteña a súa autonomía non como unha sección dunha facultade de Santiago é a nosa obriga como lucenses e enfermeiros xa que un hipotético peche repercutiría dunha maneira nefasta non só no Campus Universitario e na área e sistema sanitario lucense, senón que suporía un detrimento para toda a cidadanía lucense a nivel provincial.

 

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo