
O pleno do Concello de Lugo acordou solicitar que a Escola Universitaria de Enfermaría (E.U.E) do campus lucense manteña a súa autonomía e continúe como centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC), rexeitando a súa conversión nunha sección dependente da facultade compostelá. Ademais, o pleno plantexou que o centro se converta nunha facultade propia.
O Grupo Municipal do PSOE presentou unha iniciativa en defensa da independencia da E.U.E, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE e do BNG, mentres que o PP optou por absterse. A proposta socialista reclama á Xunta de Galicia e á USC que garantan a autonomía do centro, alertando sobre os riscos do protocolo asinado en abril entre Educación, Sanidade e as tres universidades públicas galegas, que podería converter a escola lucense nunha sección dependente de Santiago.
Un consenso pola autonomía e o futuro do centro
Durante o debate, os grupos municipais do PSOE, BNG e PP coincidiron na importancia da Escola de Enfermaría para o campus e a cidade de Lugo, subliñando a necesidade de manter o seu estatus actual como mínimo e avanzar cara á súa consolidación como facultade propia. Porén, o PP presentou unha emenda que propoñía apoiar o protocolo asinado en abril, sempre que se asegurase a autonomía do centro e se garantise a continuidade da súa plantilla docente e de xestión. Esta emenda foi rexeitada polo goberno municipal, que considera que o protocolo pon en risco a independencia da escola.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou a relevancia da E.U.E para Lugo e a súa provincia, afirmando que “convertela nunha sección da Facultade de Enfermaría de Santiago debilitaría o noso campus e poría en risco o futuro desta escola. Ademais, suporía perda de peso para Lugo e afastaría a formación da realidade sanitaria e tamén social, non só da cidade, senón de toda a provincia”. Fernández tamén criticou a falta de resposta das consellerías de Sanidade e Educación ante as demandas do Concello, aínda que recoñeceu avances nas conversacións co reitor da USC.
Apoio dos colectivos sanitarios e académicos
O pleno contou coa presenza de representantes dos Colexios Profesionais Sanitarios de Lugo (Enfermaría, Médicos, Veterinarios, Odontólogos e Farmacéuticos), da Academia de Enfermaría de Galicia, representantes dos sindicatos SATSE, CIGA e CSIF, profesores da Escola Universitaria de Enfermaría, entre eles a secretaria da EUE, Mª José Ferreira, Mario Rivas, Candela Fraga, Carlos Juanatey, Lourdes Bemello, José Luis Díaz (exdirector e profesor xubilado), Isidoro Rodríguez (Presidente da Acedmia de Enfermaría) e membros da sociedades civil.
A titular da Concellería de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, foi a encargada de presentar e defender a proposición do PSOE para o mantemento do estatus actual da Escola de Enfermaría de Lugo. López Racamonde destacou os 50 anos que leva implantada na cidade, subliñando que actualmente é propiedade do SERGAS e está adscrita á USC no plano docente, gozando os estudantes das mesmas condicións que os da universidade pública.
Un futuro incerto para a Escola de Enfermaría
Con este acordo, o Concello de Lugo busca garantir a independencia da Escola de Enfermaría e evitar que se converta nunha sección da facultade compostelá, o que podería debilitar o campus lucense e afectar negativamente á formación sanitaria na provincia. Ademais, o pleno municipal comprométese a seguir impulsando o fortalecemento do campus universitario de Lugo e traballar para que a cidade conte cunha facultade propia de Enfermaría.