Buscar
Buscar

Unha exposición rinde homenaxe a: “Elvira López Mourín. Unha enfermeira de altura”

12/09/2022

Elvira López Mourín. Unha enfermeira de altura

A Academia de Enfermaría de Galicia e o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo programan actividades para dar a coñecer a figura dunha enfermeira lucense, pioneira no desenvolvemento da enfermaría española, co gallo de que o vindeiro mes de novembro se cumpre o centenario da xesta heroica desta lancaresa. Foi a primeira enfermeira en participar, voluntariamente, nun voo sanitario
sobrevoando territorio adversario no conflito bélico do RIF en 1922.

Exposición itinerante: “Elvira López Mourín. Unha enfermeira de altura”

A exposición inaugurarase no Complexo Universitario de As Pedreiras en Lugo o 19 de setembro as 12h ata o 23 de setembro e despois de percorrer todas as Facultades e Escolas de Enfermaría de Galicia, será clausurada na Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela.

CALENDARIO EXPOSICIÓNS

Elvira López Mourín (Láncara-Lugo 1893 – Madrid 1961)

Formou parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella Española conformada por cinco enfermeiras (1918-1921). Ingresa como enfermeira militar sendo destinada á un Hospital de Melilla en plena guerra de Marrocos (decembro 1921).
O 1 de novembro de 1922 participou de xeito voluntario, por petición persoal expresa, no primeiro voo en misión sanitario da Aviación Española, tendo que cruzar territorio inimigo nun voo nocturno e rasante a bordo dun bombardeiro biplano.

En 1933 é das primeiras enfermeiras en formar parte do Corpo Auxiliar Subalterno do Exercito (C.A.S.E. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939) permaneceu traballando no seu hospital en Madrid (Zona Republicana), motivo este polo que en 1939 é sometida a un Consello de Guerra, quedando exonerada das imputacións que se presentaran contra ela.

En 1940 reincorporase ao seu posto de traballo na Primeira Rexión Militar ate a súa xubilación. Pasaba as vacacións estivais na súa aldea natal de Láncara onde convivía cos seus veciños.

Tras case 3 anos de investigacións do Dr. Isidoro Rodríguez Pérez, profesor de Historia da Enfermaría, na Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo e Presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, coordina estes actos e fai unha análise sobre esta enfermeira xunto con outros enfermeiros, o Dr. Ruben Pego Pérez, profesor da mesma materia na Facultade de Enfermaría de Santiago, a doutoranda Dª. Lourdes Bermello López, Presidenta do Colexio Oficial de enfermaría de Lugo, tamén participará o Dr. Miguel Ángel González Canomanuel, médico madrileño e investigador dos inicios dos Servicios Sanitarios na Aviación Española e promotor do selo de correos dedicado á Enfermaría no ano 2020 co motivo da Nursing Now e no que aparece unha imaxe de Elvira López Mourín.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo