Buscar
Buscar

Os Colexios de Enfermaría e a AGEFEC rexeitan o sistema de implantación do programa XIDE

11/04/2022

Os colexios oficiais de enfermaría de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria) rexeitamos o desenrolo que o SERGAS está a facer para a implantación do programa XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) da Atención Primaria.

 Por iso, solicitamos unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para tratar de solucionar de maneira conxunta as irregularidades percibidas en dito programa.

 Pois ben, cando a cita xa estaba concertada para o vindeiro 18 de abril, as organizacións colexiais de enfermería de Galicia e AGEFEC coñeceron na mañá do venres que, malia solicitar expresamente a paralización de calquera avance na implantación do XIDE ata que se celebrase a reunión co conselleiro, fíxose caso omiso á nosa petición ao poñerse en marcha nos centros de saúde de As Pontes e Pontedeume da área sanitaria de Ferrol, e Virxe Peregrina, A Parda, Lérez, Bueu, Cambados, Vilanova de Arousa y Vilagarcía de Arousa, da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

 O proxecto XIDE tiña por obxectivo ordenar a demanda en Atención Primaria e derivar  aos pacientes aos profesionais máis axeitados e nos tempos aconsellados en base a súas competencias profesionais. A finalidade era optimizar as competencias de cada profesional á hora de dar resposta ás demandas asistencias de poboación, mais moitos dos problemas de consulta que as enfermeiras poden resolver como finalistas carecen dos citados protocolos nos que se unifiquen os criterios de atención e derivación a outros profesional ou nivel asistencial. Deste xeito, tamén se dispoñía que o XIDE tivera dúas fases piloto antes da súa implantación, pero finalmente só terá unha.

 A nosa vontade conciliadora obtivo como resposta unha nova traición do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a todas as enfermeiras de Galicia. Asumimos, con grande pesar pola nosa parte, que o noso ofrecemento de traballar de forma conxunta para tentar atopar solucións acordes aos intereses de todas as partes foi rexeitado.

 O XIDE representaba unha oportunidade única para dotar de máis calidade á nosa Atención Primaria, mais estamos ante un novo fracaso de xestión, instaurando un modelo de ordenación da demanda sen as necesarias pilotaxes, protocolos e consenso de todas as partes. O XIDE, lamentablemente, no estado no que se está a instituír, máis que un logro é un novo flaxelo á calidade da Atención Primaria e, por conseguinte, á seguridade do paciente.

 Estamos ante un novo maltrato á profesión enfermeira, e os colexios profesionais e asociacións de enfermería non podemos permitilo, pois a nosa función é protexer ás enfermeiras e garantir unhas condicións de traballo dignas, como tamén o é defender sempre a seguridade de todos os cidadáns.

ESCRITO ENVIADO A CONSELLERÍA

NOTA DE PRENSA

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo