Buscar
Buscar

O Parlamento de Galicia aproba pedir a especialidade de Enfermería de Urxencias e Emerxencias

07/02/2026

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a pedirlle ao Goberno de España a creación da especialidade de Enfermería de Urxencias e Emerxencias (EEUE). A Proposición Non de Lei, presentada polo Partido Popular, foi votada este xoves.

Trátase do segundo Parlamento autonómico, tras a Asemblea Rexional de Murcia, que se une á demanda da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) de aprobar unha formación especializada para as enfermeiras que traballan nestes servizos. Hai que lembrar ademais que Galicia apoiara anteriormente a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, que este ano convoca as súas primeiras prazas MIR.

Os servizos de Urxencias e Emerxencias supoñen un piar fundamental na atención sanitaria aos cidadáns e precisan dunha especialización profesional e específica debido ás súas características diferenciais fronte a outros servizos de atención primaria ou hospitalaria. Hai que ter en conta que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) atendeu a máis de 1,2 millóns de pacientes nos servizos de Urxencias Hospitalarias e 21.119 Atencións en Unidades de Soporte Vital Avanzado de Emerxencias durante o ano 2024. No 2025, esta cifra aumentou ata 21.886 atencións.

Concretamente, o persoal de enfermería que afronta situacións relacionadas coa protección da vida, a seguridade do paciente e continuidade de coidados nos momentos máis complexos do proceso vital, como a atención a patoloxías tempo-dependentes ou incidentes de múltiples vítimas. Con todo, actualmente en España non existe unha formación oficial e común en todo en territorio para estas profesionais, salvo no ámbito militar desde 2019.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo