Buscar
Buscar

O COE celebra o éxito de Mª José Ferreira nos Premios de Investigación do Consello Xeral de Enfermaría

07/02/2026

A V edición dos Premios de Investigación do Consello Xeral de Enfermaría (CXE) recoñeceu a excelencia en proxectos innovadores que abordan ámbitos clave dos coidados enfermeiros, como os coidados intensivos pediátricos, a continencia urinaria en persoas maiores hospitalizadas, as intervencións para deixar de fumar dende Atención Primaria e a mellora do benestar emocional, entre outros. Nunha emotiva cerimonia celebrada na sede do CXE, entregáronse estes prestixiosos galardóns que, ademais do recoñecemento, contan cunha dotación económica destinada a impulsar investigacións con impacto real na atención sanitaria.

O Colexio de Enfermaría de Lugo quere expresar a súa máis sincera noraboa a todas as persoas premiadas, e en especial a Mª José Ferreira, profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, quen foi distinguida co segundo premio na categoría de ámbito comunitario e social. Este galardón recoñece o esforzo e a dedicación dos profesionais lucenses no desenvolvemento de proxectos que buscan mellorar a calidade de vida das persoas.

Xunto co seu compañeiro Mario Alberto Rivas, tamén profesor e enfermeiro, Mª José Ferreira liderou un innovador estudo experimental titulado Efectividade de intervención multifacética para mellorar o benestar emocional a través da Plataforma Mediaverso. Este proxecto propón o uso de intervencións de mindfulness e exercicio físico para reducir os niveis de estrés e ansiedade entre o alumnado do grao de Enfermaría, contribuíndo así a mellorar o seu benestar emocional e a súa preparación para afrontar os retos da profesión.

Dende o Colexio de Enfermaría de Lugo, queremos destacar a relevancia deste tipo de investigacións, que non só benefician aos futuros profesionais da enfermaría, senón que tamén reafirman o compromiso da nosa comunidade coa innovación e a excelencia nos coidados.

¡Parabéns a Mª José Ferreira, Mario Alberto Rivas e a todas as persoas galardoadas pola súa contribución ao avance da enfermaría!

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo