Buscar
Buscar

Arde Lucus 2026: O COE de Lugo presenta “A OBSTETRIX: A matrona dende Roma ata hoxe”

21/06/2026

Os días 19, 20 e 21 de xuño, Lugo transforma as súas rúas para mergullarnos no esplendor da época romana co Arde Lucus 2026, unha das celebracións máis esperadas do ano. O evento, que cada ano atrae milleiros de visitantes, é unha oportunidade única para revivir o noso rico patrimonio histórico e cultural.

Un ano máis, o Ilustre Colexio de Enfermería de Lugo únese a esta festa coa súa emblemática actividade:

“A OBSTETRIX: A Matrona dende Roma ata Hoxe”

Desde que foi creada no ano 2014, esta iniciativa busca destacar a importancia histórica e social da figura da matrona, un dos oficios máis antigos e transcendentes da humanidade. O termo “Obstetrix”, que significa “a que está diante”, naceu na antiga Roma para designar ás mulleres que asistían os partos, e representa a orixe da obstetricia moderna.

Nesta edición, as matronas de Lugo recrearán a maxia dun parto na Antiga Roma, amosando elementos históricos como unha réplica dunha cadeira de parto da época, así como o uso de plantas aromáticas que xa daquela se utilizaban para coidar ás nais e aos bebés. Ademais, a actividade servirá para poñer en valor o papel actual das matronas, non só no acompañamento durante o embarazo e o parto, senón tamén na prevención do cancro xinecolóxico e no coidado da saúde da muller en todas as etapas da súa vida, incluída a menopausa.

Onde atoparnos?

Poderás visitar o espazo de “A OBSTETRIX: A Matrona dende Roma ata Hoxe” na Praza Maior, fronte ao Círculo das Artes, durante os tres días do evento. Alí, ademais de aprender sobre a historia desta profesión, mergullaraste na vida de Lucus Augusti, unha das principais urbes da Gallaecia romana, e gozarás dun pasado que cobra vida coma nunca antes.

Ver máis sobre “A OBSTETRIX: A Matrona dende Roma ata Hoxe”.

Posted in Blog/Noticias by Noticias Enfermeria Lugo