
Os catro Colexios Oficiais de Enfermaría de Galicia, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, reclamaron á Xunta de Galicia que se garanta a presenza física de profesionais de enfermaría durante as 24 horas do día nas residencias de maiores, en todas as quendas e con independencia do número de persoas usuarias de cada centro.
Esta demanda foi trasladada nunha reunión mantida con representantes da Consellería de Política Social e Igualdade, na que se abordaron diversos asuntos que afectan directamente á calidade dos coidados nos centros residenciais galegos.
Por parte da Administración participaron Antón Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria; Francisca Gómez Santis, secretaria xeral da Consellería; e Eduardo Mato Montero, subdirector xeral de Persoal. En representación dos Colexios de Enfermaría asistiron as presidencias colexiais Eva Gómez Fernández, por Lugo; María José Menor Rodríguez, por Ourense; e Avelino Castro Pastor, por A Coruña.
O encontro permitiu analizar a situación actual da atención sociosanitaria en Galicia e as necesidades das persoas maiores que viven en centros residenciais. Un dos puntos principais foi o escrito remitido polos catro Colexios en relación coa Orde do 4 de decembro de 2024, que modifica a normativa de 1996 sobre os requisitos dos centros de atención a maiores.
As organizacións colexiais valoran positivamente que a norma introduza ratios diferenciadas en función do grao de dependencia, ao consideralo un avance cara a unha atención máis personalizada. Con todo, advirten de que esta mellora só será efectiva se as valoracións de dependencia das persoas residentes están actualizadas e son revisadas periodicamente, xa que delas depende unha adecuada planificación dos recursos profesionais necesarios.
Ratios de enfermaría insuficientes e incumpridas
Os Colexios trasladaron á Consellería que as ratios establecidas actualmente son insuficientes para garantir unha atención segura e de calidade. En concreto, consideran que a previsión dunha enfermeira ou enfermeiro por cada 50 persoas usuarias sen dependencia ou en grao I, e dunha por cada 33 persoas en grao II ou III, “non é admisible”.
Ademais, advertiron de que, na práctica, estas ratios nin sequera se están cumprindo en determinados centros sociosanitarios, onde pode haber unha soa enfermeira na quenda de mañá. Esta situación pode comprometer a calidade asistencial, especialmente no caso das persoas maiores en situación de dependencia, que adoitan presentar un estado de saúde máis fráxil e unha maior vulnerabilidade ante complicacións clínicas.
Os Colexios insistiron en que a presenza localizada non pode substituír en ningún caso a presenza física de profesionais de enfermaría. Por iso, reclamaron que a normativa estableza con claridade a obrigatoriedade de contar con enfermeiras presentes nos centros durante as 24 horas do día, en todas as quendas.
Listas de contratación adaptadas á realidade da profesión enfermeira
Outro dos asuntos tratados foi a situación do persoal de enfermaría nas listas de contratación tras a entrada en vigor do Decreto 40/2026, do 18 de maio, que regula o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal na Xunta de Galicia.
Ante a escaseza de profesionais de enfermaría e as particularidades desta categoría, propuxeronse varias modificacións para facilitar a contratación, evitar penalizacións innecesarias e favorecer a mobilidade profesional. Entre elas destacan:
- A delimitación do ámbito de chamamento por áreas máis pequenas, e non só con criterio provincial.
- A eliminación do paro obrigatorio e das penalizacións de suspensión.
- A consolidación automática da carreira profesional e dos trienios recoñecidos noutras administracións, para facilitar a mobilidade sen perda de dereitos adquiridos.
Recoñecemento da especialidade de Enfermaría Xeriátrica
Os presidentes expresaron a súa preocupación pola falta de recoñecemento institucional das enfermeiras especialistas en Xeriatría, unha formación que se imparte en Galicia desde 2020 nas áreas de Lugo e Vigo, e que tamén obtiveron profesionais pola vía excepcional. As organizacións colexiais solicitaron que esta especialidade sexa valorada de maneira efectiva en tres ámbitos:
- Puntuación nas listas de contratación.
- Recoñecemento retributivo, mediante a súa integración en nómina como complemento específico.
- Promoción profesional, incluíndo o ascenso de nivel e o acceso a postos de dirección e xestión.
Neste sentido, os Colexios defenden que as direccións dos centros residenciais deben ser ocupadas por profesionais sociosanitarios con formación específica en xestión, e consideran que o perfil da enfermeira especialista en Xeriatría é especialmente axeitado para asumir responsabilidades directivas neste ámbito.
Un novo perfil de residente que require máis recursos e coordinación
Durante a reunión, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado, expuxo un cambio de tendencia no perfil das persoas que ingresan nos centros sociosanitarios. Segundo se abordou no encontro, o incremento das emerxencias sociais e a falta de recursos específicos en saúde mental están derivando cara a centros residenciais persoas con problemas psicolóxicos, trastornos de saúde mental ou consumo de tóxicos. Trátase dun perfil diferente ao tradicional residente de idade avanzada, que presenta novas necesidades asistenciais e pode xerar dificultades de convivencia ou episodios de agresividade.
A conclusión compartida foi que os centros residenciais galegos non están actualmente preparados para atender de forma adecuada este novo perfil de persoa usuaria, cuxas necesidades requiren recursos específicos, formación profesional adaptada e unha maior coordinación entre os ámbitos social e sanitario.
Neste contexto, tamén se abordou a integración do programa Cempos dentro de IANUS, co obxectivo de crear un rexistro único na historia clínica. Esta integración permitiría que o seguimento sanitario realizado no centro residencial e no Servizo Galego de Saúde fose visible para todos os profesionais implicados, en todos os niveis asistenciais, mellorando así a coordinación e a continuidade dos coidados.
Os Colexios solicitan ser órganos asesores da Consellería
Os catro Colexios Oficiais de Enfermaría de Galicia solicitaron formalmente á Consellería de Política Social e Igualdade manter unha reunión anual de seguimento. Así mesmo, reclamaron ser recoñecidos como órganos asesores na toma de decisións que afectan á atención sociosanitaria en Galicia, co fin de achegar a perspectiva profesional enfermeira á planificación de políticas, recursos e modelos de coidados dirixidos ás persoas maiores e aos centros residenciais.