 Resolución do 9 de outubro de 2009, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do organismo.
O número 4 da base sexta da Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 (DOG número 40, do 26 de febreiro) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevé que os exercicios da fase de oposición se realizarán nun lugar e á hora anunciada no Diario Oficial de Galicia, cun mínimo de cinco días hábiles de antelación, polo que, este centro directivo
RESOLVE:
Primeiro.-Convocar os aspirantes admitidos con carácter definitivo na fase de oposición do concurso-oposición para o ingreso nas categorías de carpinteiro/a, celador/a, cociñeiro/a, electricista, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enxeneiro/a técnico/a, fisioterapeuta, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de enfermaría (ATS/DUE), persoal de servizos xerais, pinche, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnico/a especialista en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a especialista en radioterapia, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, terapeuta ocupacional e traballador/a social de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, convocado por resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 (DOG número 40, do 26 de febreiro) para a realización dos exercicios consonte a seguinte distribución:
Día 7 de novembro de 2009: ás 10.00 horas: técnico/a especialista en laboratorio de diagnóstico clínico, electricista, terapeuta ocupacional; ás 16.00 horas: técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.
Día 8 de novembro de 2009: ás 10.00 horas: pinche, técnico/a especialista en radioterapia, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información; ás 16.00 horas: celador/a.
Día 14 de novembro de 2009: ás 10.00 horas: fisioterapeuta, traballador/a social, carpinteiro/a, enxeneiro/a técnico/a, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental; ás 16.00 horas: persoal de enfermaría (ATS/DUE).
Día 15 de novembro de 2009: ás 9.30 horas: grupo auxiliar da función administrativa; ás 13.00 horas: cociñeiro; ás 17.00 horas: persoal de servizos xerais.
Segundo.-Os exercicios realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra).
Os aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade e de bolígrafo azul ou negro.
Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil ou soportes con memoria, polo tanto, queda prohibido o acceso aos recintos e será causa de inadmisión ao chamamento a mera tenza deles. Advírtese que non haberá servizo de recolla de teléfonos móbiles.
Terceiro.-O chamamento é único polo que se excluirá deste proceso quen non compareza por calquera causa.
De conformidade co establecido no segundo parágrafo do número 4 da base sexta da convocatoria realizaranse os diversos exercicios, na mesma data, para a mesma categoría en unidade de acto e de tempo, cambiando a súa orde de realización, se é o caso.
Cuarto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no número 2 da base décima da citada convocatoria.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2009.
Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde
|