Buscar
Buscar

Comunicado dos traballadores de servizos de atención ás emerxencias e ás urxencias de Galicia ante a próxima folga no 061.

31/07/2018
A Xunta de Persoal Estatutario do 061 e  o Comité de Empresa de Grupo Norte (subcontrata de operación telefónica do 061) queren comunicar o inicio de unha FOLGA que afectará ás oficinas administrativas e á Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias 061, centro dende o que se xestionan e coordinan tódalas emerxencias e urxencias sanitarias de Galicia.
A Folga comenzará o día de 1 de agosto é desenrolaranse mediante paros parciais entre as 12:00 e as 14:00 e as 19:00 e as 21:00 dos luns, mércores, sábados, domingos e festivos.
O motivo desta folga é a imposibilidade de chegar a un acordo coa Administración nas condicións do cambio de centro de traballo de San Marcos e Conxo á Estrada, datado para o vindeiro 2 de outubro de 2018. Despois de varias reunións, tense chegado a un punto no que a administración, nunha posición inmobilista nos puntos importantes, presenta unha proposta definitiva que dista moito das condicións reclamadas polos traballadores afectados polo traslado forzoso decretado pola administración.
Por outro lado, co plan de traslado facilitado na derradeira reunión pola administración, non se pode garantir que o traslado se realice coas debidas garantías para un servizo de estas características polo que reclamamos que o traslado se paralice ata dispor dun plan de traslado axeitado e de garantías.
Ante esta situación quixeramos solicitar a vosa comprensión polos posibles problemas que esta folga poida causar no voso traballo diario, xa sexa no relacionado coa atención sanitaria ou coa atención ás emerxencias e urxencias de todo tipo. Queremos deixar claro que o obxectivo de esta folga non é, nin prexudicar os usuarios dos servizos de emerxencias nin aos seus traballadores, senón defender os nosos dereitos laborais.
Dende o 061, e durante a folga, seguiremos traballando coa mesma profesionalidade que durante os últimos 20 anos e por suposto cumpriremos os servizos mínimos que se diten, aínda que estes nos poidan parecer abusivos. Aínda así, poida que a folga no 061 poida causar algunha sobrecarga noutros servizos como urxencias hospitalarias, puntos de atención continuada, atención primaria, hospitalización a domicilio, 112, transporte sanitario urxente, forzas e corpos de seguridade, etc. En todo caso, será responsabilidade da administración o correcto dimensionamento de tódolos servizos para que os usuarios dos mesmos non se vexan afectados.
Tamén nos gustaría indicar que a coincidencia da folga coa maior operación saída do ano e co período estival débese única e exclusivamente á administración sanitaria, que tivo paralizada a negociación do traslado dende xaneiro a xuño de 2018, e que dispoñía por escrito das nosa peticións para as condicións do traslado dende maio de 2017
Solicitamos polo tanto a vosa colaboración e compresión durante este conflito, e agardamos que  a duración do mesmo sexa o mais corta posible. 
Atentamente,
Xunta de Persoal do 061 Comité de Empresa de Grupo Norte no 061
Novedad en Blog/Noticias por Noticias Enfermería Lugo